Profesorado e alumnado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense acaba de rematar o desenvolvemento dunha nova edición do proxecto de aprendizaxe servizo Alimentando un futuro sostible e saudable. Ao longo deste cuadrimestre, ao seu abeiro visitaron diferentes centros educativos e asociacións da cidade co obxectivo de fomentar un consumo alimentario responsable co medio ambiente e coa contorna.
Desde a Facultade de Ciencias e desde o grupo de innovación docente Tecnoloxía de Alimentos e Xestión de Residuos (Tecapesou) da UVigo participaron as profesoras e profesores Sidonia Martínez (coordinadora), Aloia Romaní, Beatriz Gullón, Francisco Javier Carballo, Pedro Miguel Ferreira Santos e Pablo García del Río. Tamén estiveron alumnas e alumnos de cuarto curso do Grao en Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos e do Mestrado Universitario en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental. Polo que respecta ás entidades externas contouse co IES Eduardo Blanco Amor (Ourense) e o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, a Asociación Down e a Asociación Veciñal Loureiro. As actividades realizáronse baixo o amparo da convocatoria da Universidade de Vigo de Proxecto de aprendizaxe servizo 2024-25 no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS.