Desde 2019, 22 socios de sete países liderados pola Universidade de Vigo desenvolven o proxecto europeo SoildiverAgro (Soil biodiversity enhancement in european agroecosytems to promote their stability and resilence by external inputs reduction and crop performance increase) co obxectivo de avanzar na adopción de novas prácticas e sistemas de cultivos que melloren a biodiversidade do solo.
SoildiverAgro está financiado con case sete millóns de euros polo programa H2020 da UE. Liderado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo polo investigador David Fernández Calviño, conta coa participación de socios de España, Finlandia, Bélxica, Alemaña, Estonia, Dinamarca e República Checa, incluíndo universidades, centros de investigación, empresas, organizacións sen fins de lucro, agricultores, organizacións de agricultores e organizacións da administración pública. Entre eles, de Galicia están, ademais da UVigo, Feuga, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e o labrego Rubén Rodríguez.
“O proxecto chega á súa fase final cunha mensaxe clara e fundamentada: a biodiversidade do solo é unha peza clave para construír un modelo agrícola máis sostible, eficiente e resiliente”, explica David Fernández. Os solos europeos, detalla, enfróntanse a un proceso progresivo de degradación debido ao seu uso intensivo, á redución da diversidade de cultivos, ao abuso de fertilizantes e pesticidas e á perda de materia orgánica. “Estes factores comprometen non só a produtividade a longo prazo, senón tamén a capacidade dos solos para prestar servizos ecosistémicos fundamentais como o almacenamento de auga, a regulación do clima, o control biolóxico de pragas ou a produción de alimentos nutritivos”, indica. Tal e como amosa o traballo desenvolvido en SoildiverAgro, apunta o investigador, “a biodiversidade do solo non é un luxo ambiental, senón unha necesidade agronómica e económica”.