O campus de Ourense acolleu este xoves a conferencia Illa de calor e incendios: unha aproximación dende a teledetección, ofrecida por José Sobrino, catedrático de Física da Terra da Universidade de Valencia, experto en teledetección e líder da fase de consolidación da misión térmica SIRIUS da Axencia Espacial Europea (ESA). O acto estivo organizado polo Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo, co apoio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, a Facultade de Ciencias e o Campus Auga.
De orixe galega, José Sobrino abordou a temática da conferencia a partir da experiencia nela de 40 anos do seu grupo de investigación na Universidade de Valencia, onde actualmente é director da Unidade de Cambio Global. Así falou de traballos feitos arredor da detección de incendios, sobre todo da súa extensión e severidade e da evolucion das zonas afectadas, como foi no caso dos incendios acontecidos en Ourense no mes de agosto. Igualmente explicou ao alumnado e persoal docente e investigador presente o uso da teledetección en illas de calor, é dicir ao feito de que “a temperatura na cidade, durante a noite fundamentalmente, é maior que na zona dos arredores, xa que os materiais que configuran a cidade feitos polo home, como o cemento, o asfalto, etc. absorben calor de día e libérano durante a noite, o que e fai que aumente esa temperatura”. Con datos de satélite, indicou, “pódense detectar eses graos de variación entre a zona urbana e os arredores”. Neste punto o convidado explicou que “presentamos un proxecto á Axencia Espacial Europea, unha misión científica que ten como obxectivo o estudo do efecto illa de calor co lanzamento dun satélite puramente destinado a iso”. O satélite chámase SIRIUS e “é unha fase de consolidación, despois de oito meses traballando no proxecto presentamos hoxe mesmo o informe final e en marzo defenderémolo na ESA xunto a outros proxectos, dos que se elixirán dous para lanzar ao espazo”.