Desde hai 22 anos o Concello de Muíños acolle a celebración dun curso de extensión universitaria organizado por profesorado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Cada ano o seu foco de atención céntrase nunha temática concreta, sendo nesta ocasión a elixida o impacto dos lumes nos recursos hídricos, tendo en conta a actualidade e relevancia desta cuestión.
O curso, que se desenvolve ata o venres co título Os lumes forestais e a súa repercusión nos recursos hídricos, está dirixido polo profesor Francisco Javier Rodríguez e a profesora Mª Carmen Seijo e conta con 35 prazas, cubertas fundamentalmente por alumnado da Facultade de Ciencias. “No curso tratamos de avaliar, dende un punto de vista científico, a importancia que teñen elementos como a conservación da biodiversidade, a loita contra os lumes e a salvagarda dos recursos hídricos cara un futuro desenvolvemento sostible da nosa sociedade no século XXI”, comentan desde a organización da cita.