Os investigadores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense Pedro Araujo e José Ángel Cid participan no proxecto Facter, que ten como obxectivo mellorar o coñecemento dos sistemas de fallas que controlan os circuítos das augas termais do noroeste peninsular, ofrecendo o modelo conceptual de circulación e orixe destas augas. No marco da súa actividade, están a levar a cabo esta semana a segunda campaña de mostraxe de augas e gases disoltos nas augas termais e minerais de Galicia e o norte de Portugal.
O proxecto Facter (Nueva aproximación multidisciplinar a la caracterización de fallas activas, y su interacción y control de los procesos geotérmicos y sísmicos intraplaca del NW de la península ibérica), está financiado pola Agencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. O seu coordinador principal é Fidel Martin González, da Universidad Rey Juan Carlos e nel participan 23 investigadores e investigadoras de dez organismos de investigación de cinco países, nomeadamente España e Portugal.
No estudo determinaranse cales e como son as estruturas xeolóxicas que controlan o ascenso de fluídos termais e a súa localización e que determinan as súas características. “Os sistemas xeotérmicos fisurais, os existentes no noroeste da península, desenvólvense a través de complexos sistemas de fracturación nas partes máis someras da cortiza terrestre. Son circuítos complexos e en moitas ocasións non ben estudados”, explican os investigadores da Universidade de Vigo. O coñecemento das estruturas e os controis xeolóxicos que favorecen estes sistemas xeotérmicos é un dos maiores retos científicos no estudo da orixe de augas termais. Para avanzar neste coñecemento, detallan, “requírese a integración de numerosas disciplinas que poidan caracterizar esta actividade xeotérmica e a súa localización, como xeoloxía estrutural e xeoquímica de fluídos”.