Síntese de nano e micro ingredientes a partir de produtos derivados do arabinoxilano (AX) para a produción de alimentos de ‘etiqueta limpa’ (CleanIngrAX). Este é o título dun proxecto que, con financiamento estatal, está a desenvolver un equipo do campus de Ourense co obxectivo de avanzar no emprego de encimas na valorización de subprodutos agroalimentarios e no deseño e análise de estruturas funcionais en alimentación.
CleanIngrAX está liderado desde a Facultade de Ciencias pola investigadora Clara Fuciños e está a ser desenvolvido por membros do Grupo de Tecnoloxía Encimática e Bioestruturas (Teze) da UVigo, que forma parte tanto do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, como do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Arrancou en setembro de 2023, financiado pola convocatoria 2022 Incentivación de la consolidación investigadora do Ministerio de Ciencia e Innovación, con fondos NextGeneration da UE, e está na súa recta final. O proxecto dá continuidade a outro desenvolvido polo mesmo grupo, tamén con financiamento estatal, chamado Prodixos, no que se levou a cabo unha primeira aproximación para coñecer a capacidade dos produtos derivados do arabinoxilano (os ADPs) de medio-alto peso molecular extraídos da palla de trigo para actuar como texturizantes e encapsulantes en produtos alimentarios.
