O Grupo Operativo XIPrisco desenvolve modelos de predición capaces de reducir á metade os tratamentos fúnxicos no cultivo da pataca

Foto do DUVI

Despois de tres anos de traballo, o Grupo Operativo XIPrisco (Estratexia Sostible para a Xestión Integrada de Enfermidades en Cultivos de Pataca), participado pola Universidade de Vigo, acaba de rematar o seu traballo, centrado en “impulsar a innovación tecnolóxica no cultivo da pataca mediante o desenvolvemento de ferramentas de apoio á toma de decisións para un manexo sostible das súas principais enfermidades, especialmente o mildio e a alternariose”. Os modelos de predición elaborados ao seu abeiro foron capaces de reducir entre un 40 e un 50% os tratamentos fúnxicos no cultivo da pataca sen que iso supuxera una perda de rendibilidade da produción.

O proxecto, iniciado en 2023, foi financiado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), no marco das axudas para a creación e funcionamento de Grupos Operativos da Asociación Europea para a Innovación (AEI) en materia de produtividade e sostibilidade agrícola, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia. XIPrisco tivo un financiamento de 156.614 euros.

A Universidade de Vigo participou a través do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais (GISA) e do Grupo de Enxeñaría Informática, ambos do campus de Ourense. Os demais socios da iniciativa foron o Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia; o Centro Agrogandeiro do Inorde (Deputación Provincial de Ourense); a Comunidade de Regantes Lagoa de Antela; o agricultor da Comarca de Bergantiños Leonardo Rodríguez Fraga e agricultores da comarca de A Limia, concretamente de Bustelo (Xunqueira de Ambía), Sandiás e Solveira, que participaron voluntariamente nos ensaios e na validación das ferramentas desenvolvidas.

Ler a noticia completa no DUVI