Case 400 rapazas e rapaces da provincia de Ourense participaron este venres, 20 de febreriro, no campus de Ourense na novena edición da feira eXXperimenta en Feminino, a gran cita anual coa divulgación científica e co fomento da igualdade no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) do campus de Ourense. A iniciativa é froito do traballo e do compromiso dun amplo colectivo de persoal docente e investigador da UVigo, principalmente mulleres, que queren contribuír a rachar os teitos de cristal neste eido: a falta de referentes femininos científicos na sociedade e a desproporción entre homes e mulleres nas carreiras científico-tecnolóxicas.
A feira celébrase no edificio Politécnico co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e nela participan arredor de 150 investigadoras e investigadores, maioritariamente mulleres, da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.
Ao longo da mañá, as e os escolares percorreron cada un dos 13 postos da feira para facer todo tipo de experimentos, ademais de coñecer tanto as titulacións CTEM que se imparten en Ourense como persoas que nelas traballan ou estudan.
