Este martes arrancou no Campus de Ourense a campaña solidaria de recollida de alimentos, xoguetes e libros polo Nadal. As persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria, xa teñen á súa disposición nos principais edificios universitarios os carriños solidarios nos que depositar as súas doazóns.
A iniciativa é froito da colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense co Banco de Alimentos, Cruz Vermella e a Asociación Xuvenil Amencer. Os carriños están situados na entrada dos edificios do campus (Xurídico-Empresarial, biblioteca, pavillón de deportes, edificio Politécnico e Edificio de Ferro) ata o 13 de decembro.
Seguindo as indicacións de anos anteriores, as entidades que xestionarán as doazóns sinalan que precisan alimentos non perecedoiros, como conservas, aceite, leite, galletas, alimentación infantil e, dadas as datas, produtos típicos do Nadal. No caso dos xoguetes e libros indícase que poden ser novos ou xa usados pero teñen que estar en bo estado e ser non bélicos e non sexistas, facendo fincapé na necesidade de que tamén se entreguen xoguetes e libros destinados a mozas e mozos. Os alimentos recollidos serán entregados ao Banco de Alimentos e os libros e xoguetes a Cruz Vermella e á Asociación Xuvenil Amencer.