A Facultade de Ciencias premia os mellores traballos fin de grao no eido alimentario, agrario e ambiental

Foto recortada do DUVI

Cada curso académico, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense, coincidindo co seu acto de graduación, premia os mellores traballos fin de grao (TFG) feitos nas súas titulacións de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Enxeñaría Agraria e Ciencias Ambientais. Este ano, os galardóns recaen en estudos sobre o impacto do tipo de peche sobre o perfil aromático do viño Godello durante o almacenamento; a avaliación de áreas invadidas por mimosas como potenciais sumidoiros de mercurio; e a combinación de microondas e disolventes eutécticos para a produción de químicos de plataforma a partir da madeira de paulownia. Con esta iniciativa, o centro quere cada ano pór en valor o esforzo feito polo estudantado na realización destes traballos, algúns deles desenvolvidos no marco de proxectos de diferentes grupos de investigación, e cos que culminan a súa etapa de formación de grao.

O Premio Sonia García Falcón ao Mellor TFG en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos foi para o estudo titulado Impacto do tipo de peche sobre o perfil aromático do viño Godello durante o almacenamento, realizado pola graduada Sofía María Díaz baixo a dirección da profesora Elena Falqué.

O Premio Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas ao Mellor TFG en Enxeñaría Agraria foi para o traballo titulado Avaliación de áreas invadidas por Acacia dealbata como potenciais sumidoiros de Hg, do graduado Anxo Castro e dirixido polas profesoras do centro María Flora Alonso e Andrea Parente.

O Premio Julia Franco ao Mellor TFG en Ciencias Ambientais recaeu no estudo titulado Combinación de microondas e disolventes eutécticos para a produción de químicos de plataforma a partir da madeira de paulownia, que foi realizado e defendido pola graduada Miriam Pérez baixo a dirección dos profesores da Facultade de Ciencias Pablo García e Fernando Rodríguez.

Ler a noticia completa no DUVI